Pregón de 1981 - Daniel Cortezón

 

Daniel Cortezón Álvarez.

Escritor. Nace en Ribadeo el 6 de Febrero de 1927. Su padre, que pertenecía al Cuerpo de Carabineros, esta­ba destinado en Asturias cuando comenzó la Guerra Civil. A su caída pasó con sus familiares a Francia, de donde regresaron a la zona republicana. Una vez terminada la Guerra Civil regresó a Ribadeo, donde entró a trabajar en una Farmacia hasta 1963. Apoyado por el periodista y escultor Vicente Vega, fue redactor­ jefe de la Revista "Auxiliares de Farmacia"' que sigue publicándose en Madrid. En 1963, ya casado, se tras­lada a León y más tarde a Madrid. Gracias a la amistad epistolar con el teórico anarquista Vicente Martinez Rizo, colaboró en la revista "Rumbo" con articulos caracterizados por su resonancia ensayistica.

Daniel Cortezón, que cultiva el ensayo, la novela y el teatro, tanto en gallego como en castellano, tiene una extensa producción literaria, que le Ilevó a ganar im­portantes galardones:

  • Premio Manuel Cao Turnes del Centro Gallego de Buenos Aires, (1955).
  • Premio Otero Pedrayo del Lar Gallego de Buenos Aires (1956 y 1960).
  • Semifinalista Premio Ciudad de Barcelona (1961).
  • Premio Feijoo del Centro Gallego de Buenos Aires (1961).
  • "Os lrmandiños" fue premio Santiago Ru­siñol en el Festival de Teatro de Sitges (1977).
  • Premio de Teatro de la Ciudad de Barcelona (1973).
  • Tiene tra­ducciones al gallego y fue premio Eduardo Amor de novela (1981), con A Vila Sulagada.

En Teatro su última produción fue "Castelao ou a Paixón de Galiza" (1986-89), que es una tetralogía compuesta por: I.- "O animador de ilusións". II.- "As árbores e os xuncos". III.- "Intermezzo Bufo". IV.- "O pudor e a angustia".

PREGÓN DA XIRA DE SANTA CRUZ

DONAS E SEÑORES; AMIGOS TODOS

A ASOCIACIÓN "AMIGOS DA GAITA GALEGA" pon nas miñas mans a entrañábel encomenda de facer o Pregón, de pregoar e facer saber, aos catro ventos, a montes e a fontes, "a altas e inteligibles voces, de verbo ad verbum" , coma decían os pregoeiros antigos, a feliz xornada de exaltación do instrumento para a pervivenza do cal xurdiu e traballa esta Sociedade.

O feito de que a exaltación da gaita, tan vencellada as máis profundas raizames da nosa galeguidade, produzca-se no máis doado i espléndido de tódolos escearios posíbeis, nos cumes cáseque sagros do monte de Santa Cruz, nos cumes que Noriega Varela chamaba "veciñanzas do ceo", engade unhas calidás especiais á manifestación folklórica e festeira que se pretende acadar. Mestúra-se, nunha simbiose perfecta, a paisaxe —tan vencellada á idea do paisanaxe— a gaita, o sentimento cristián do pelerinaxe e o pagán da esmorga, para crear en toda a sua emplitude efectiva o lado sentimento amigábel e familiar da festa e da xuntanza.

Gaita - gaiteiros, pelerinaxe, paisaxe e xantar, forman simbolóxicamente os catro ventos nos que ten que xirar, e verdadeiramente o fai, o cataventos da Xira, o ir e vir dos partícipes dunha cerimonia que non é, por certo, a da confusión, senon a da fusión dos espritos e a do afincamento nunha das máis fermosas produccións culturais do noso pobo: a gaita, seu acompañamento, súa música. E esto fai-se nunha Vila como a nosa, cunha grande tradizón na salvagarda das nosas esenzas. Eís temos o gaiteiro de pedra, ergueito nun dos poucos moimentos á figura que perante séculos interpretou o sentimento musical máis fondo, ledo, solene ou tristeiro da alma enxebre de Galiza; eís temos tamén a figura vivinte, imprescindíbel, dos gaiteiros de onte e de hoxe, dos homes que manteñen aceso o lume da sua identidade espritoal, os que a tocan e os que non queren que deixen de soar nos nosos vales e outeiros, nos nosos eidos e vilas, os acordes que deron alento ó vagar a nosa vella raza espallada pola terra e polo mundo.

Tamén eles tiveron e teñen ergueito nas mentes das nosas xentes e no facer dos nosos poetas un moimento permanente no homenaxe á gaita. Innumerábeis son os poemas e referenzas a ela. Libros enteiros están adicados ao seu nome: Prieto Marcos escribíu "Versos en gama de Gaita"; Pintos Villar, "A Gaita Galega"... Lémbro-me dun poema tidoado "A Gaita a falare". Póde-se decir que nin un soio dos poetas galegos deixou de refrexar o trasfundo anímico da gaita como forma musical comunicativa i expresión do ser e do sentimento popular galego na danza e no canto; e do gaiteiro coma intérprete dese esprito que as veces é dionisíaco e outras apolíneo, sempre na alternanza dos estados anímicos do home: "A gaita quer o gaiteiro", dice un dos nosos refráns. Lembremos, por un intre, unha das máis brilantes imaxes simpatéticas da nosa poesía, adicada por Curros Enríquez ao Gueiteiro de Penalta

" ¡Xentil, aposto, arrogante, en cada nota o gueiteiro ceibaba un limpo diamante que logo no redobrante pulía o tamborileiro"...

¿Póde-se atopar máis belida imaxe que supor as notas da gaita ceibes, voando coma diamantes que os tamborileiros, trocados en lapidarios, pulimentan cos seus redobres?

O mesmo Curros, no comezo do devandito poema, reduce sentimentalmente o mundo a un anaco de Galiza, universalizando ao gaiteiro, ao escribir:

"Dende os Lares lixeiro

ás veigas que o Miño esmalta

non houbo no mundo enteiro

máis arrogante gueiteiro

que o gueiteiro de Penalta"...

Os poetas adoitan ser apaixoados, e non teñen por qué ser respeitosos coa xeografía. Hai que entender-los (ou mellor: sentir-los) no contexto das súas vivenzas estéticas; no contido das suas motivacións éticas; na súa permanente e doorida contradicción entre a arela do ideal e unha realidade non sempre feliz. Eles están non somentes fóra, senón por riba do que se pode entender tan acio coa razón. Así, nesta ocasión, arelamos sere entendidos (a enterder-nos entre nós) con ese corazón que, según foi dito tantas veces, ten suas razóns que a razón non entende.

A tódolos que sintan isa tención e ise sentimento, sober do pasaxeiro rebumbio da festa, grazas por entender-nos. A tódolos que sintan que a gaita non somentes canta e chora, senon que fala una língoa composta ao longo de séculos, gracias. A tódolos que entendan que é unha obriga gardar e loubar nosas tradizóns máis enxebres, nosas formas de ser e permanecer, nosa maneira de falar, de sentir e deixar-nos sentir, gracias tamén. Gracias aos que nos fan compaña por chegar-se a nós. Aquí estamos todos, pregoeiros e pregoantes destas verdades e fideis a elas. Aquí estamos todos, sendo, en definitiva, o que somos: galegos de aquí e da diaspora, amigos dos amigos que este día faranos compaña, entendéndo-nos cecais mellor nesa lingoaxe universal que é a música, e nesa identidade que abre tódalas portas e facilita tódalas xuntanzas que é a festa.

Decía que un dos nosos poetas tiduou un dos seus poemas "A Gaita a falare". penso que este Pregón a prol da Xira de Santa Cruz e no homenaxe ao Gaiteiro Galego deberá tidoarse así: "A Gaita a falare por nós". A gaita expresando o que nós somos, falando na súa e na nosa língoa, que é laído, e aturuxo, e cántiga, e alalá, e muiñeira, e baroalesa, e ribeirana, e alborada, e marcha nos graves acordes da Marcha solemne do Antigo Reino de Galiza.

A gaita a falar

a gaita grileira.

A gaita a cantare

a gaita redonda.

A gaita a tocare

a gaita tumbal.

E tamén a gaita a pedir que non se esqueza o sentimento do amor á Terra axunguíndonos a todos por riba dos disentimentos dos homes, ao menos nunha xornada que fica destiñada a facer-nos entender que no fundo son moitas máis as cousas que nos unen que as que nos separan.

A gaita a pedir paz, e acougo, e a ledicia de vivir, e a alegría da amizade.

A gaita a mostrar a man tendida do home galego ao home galego.

A gaita a tender a man do home galego a tódolos homes.

A gaita garleira resoando na paisaxe nosa, cantando cos seus elitros de vento entre as follas dos eucalitos e o "arume harpado" dos nosos piñeirais e no noso hino.

A gaita a falare, a gaita do fol.

A gaita do alalá e da muiñeira.

A gaita da saudade e da lembranza.

A gaita.

A gaita e os gaiteiros.

A gaita e os tamborileiros.

A gaita, e os tamborileiros e o bombo.

A gaita.

Ela sí que pregoa verbo ad verbum a razón de ser dos que a sentimos, dos que a queremos, dos que a defendemos coma un dos símbolos da nosa identidade.

Ela é, verdadeiramente, a pregoeira de si mesma e de nós.

Ela é non somentes a homenaxeada, senón o homenaxe mesmo ao esprito creador do home galego que a fixo súa. Ela é, non somentes o pobo e a popularidade, senón tamén o pregoeiro e o pregón, e nos seus sons.

pregóa-se o sentimento

pregóa-se a amizade

pregóa-se a benvinda

pregóa-se o amor a Terra

pregóa-se a vida do noso pobo

pregóa-se a boa vontade para os pobos irmáns

pregóa-se a lembranza dos que están lonxe

pregóa-se o recordo do amigrantes

pregóa-se a festa, o baile, a xuntanza...

Pregóa-se a Galiza.

E tamén, estou seguro, refúga-se o odio, a destrucción, a morte. Pide-se a vida, a libertade, a dignidade, a xustiza, a paz e o traballo. A gaita a falare con todos.

A gaita a cantare con todos; A gaita a tocare na Xira; A xente a bailare cando a gaita canta:

"Baila ti, mey baliarín: unha volta ao dereito e

outra ao redor de mín".

A min, pregoeiro emigrante, voz galega dende a lonxanía con o corazón cheo de amor a Ribadeo, miña vila nadal, e de amor a Galiza, cómpre-me hoxe pregoar e facer saber a todos, sin que haxa orde de gobernante nin de alcalde, pero "en altas e inteligibles voces", que temos abertas de par en par as portas dos nosos corazóns, pois as da nosa vila sempre o están.

Compre-me pregoar e facer saber a todos que mañán, día 2, primeiro domingo de agosto, si non chove, e si chove tamén, esperamos a todos co noso agarimo na Xira de Santa Cruz, nas "veciñanzas do ceo", nas veciñanzas dos veciños e nas veciñanzas dos conveciños que son e serán tódolos que ese día estén con nós, coa sua presencia ou co seu esprito...

A gaita a falare.

A gaita a tocare pra todos.

E todos a cantare e bailare coa gaita.

Amigos.

Moitas gracias pola vosa presenza, polo voso alento, e que a festa vos sexa leda.

Daniel Cortezón