Pregón do 2003 - Carlos Parga López
Pregón da Xira de Santa Cruz - Carlos Parga López
Carlos Parga López
Nado en Ribadeo en 1938.
En 1963 remata os estudos de Inxenieiro Naval pola E.T.S. en Madrid. En 1969 acada a Licenciatura en C.C. Económicas na Complutense de Madrid e o Doctorado en Inxeniería Naval coa tesis “La Contabilidad de Costes en los Astilleros”. A súa carreira profesional desenvólvese en Gijón (1962 Astilleros Juliana), A Coruña (1968, Grupo Pascual), de novo en Gijón (1969 A. Juliana), Las Palmas (1977 Astican), Santiago (1982 Banco de Crédito Industrial) e Vigo a onde se traslada en 1988 ao Banco de Crédito Industrial que logo é absorbido polo Banco Exterior de España en 1982 e no que se prexubila en 1994 adicándose a partir de entón ao exercicio libre da súa profesión. En 2001 é nomeado Inspector de Visados do Colexio de Enxeñeiros Navsis de Vigo no que cesa no 2010 xubilándose definitivamente.
Ten publicado numerosos traballos en revistas especializadas e en xornais entre os que podemos destacar:
1966, La Contabilidad de Costes en Los Astilleros
1975, El subdesarrollo gallego ¿enfermedad crónica?
1977, La industria española en la construcción naval. Consideraciones de economía comparada.
1989, Galicia: tierra rica, pueblo pobre.
1993, El agua ¿una segunda oportunidad para Galicia?.
1996, Sí a Petrovigo.
2002, Aspectos retrospectivos de la industria de construcción naval e El accidente del B/T PRESTIGE.
Miñas donas, meus señores:
Mañá festexámo-la Xira a Santa Cruz que, se ven celebrando dende 1965. Case 40 anos, que é moito durar para Ribadeo.
Esta festa de exaltación da gaita, o instrumento musical propio de Galicia e Asturias, celébrase precisamente nesa atalaia de Santa Cruz dende onde un gaiteiro de pedra contempla esta Ría que, lonxe de separar, vencella as duas rexións. Sen dúbida é o lugar ideal para erixir ese monumento ó Gaiteiro e para celebrar esa festa de exaltación da gaita para a que traballaron arreo homes, como Carlos e Amando Couto e outros directivos dos “Amigos da Gaita”, capitaneados polo incansable Pancho Maseda.
E se Ribadeo pode presumir de te-lo primeiro (e penso que único) monumento ó Gaiteiro nas duchas rexións irmás, tamén foi aquí onde se creou o primeiro grupo de gaiteiras, aquelas mociñas do grupo “Saudade”.
Tócame hoxe a min facer de pregoeiro desta festa que, para min, e a festa da Ría. E pola miña raigame podería parecer un pregoeiro axeitado; meu avó maternmo percorreu a Ría no seu exercicio profesional; médico en Castropol (once naceu miña nai), logo da Veiga e por último de Ribadeo, onde morreu. Meu avó paterno viviu en Ribadeo, dende que casou, e pasaba longas tempadas na súa casa de Ferreira, na Veiga. Eu nacín en Ribadeo e casei na Veiga. Asi pois, son ribadense, fillo de ribadense e castropoleña, e, como me dicía Antón Gamallo, “veigueño pola sábana de abaixo”. Para ter unhas raigames plenamente vencelladas á Ría, só me faltou nacer no tesón.
Pero esas posibles boas condicións para ser pregoeiro na Ría, rematan aí porque a miña infancia e xuventude non a vivín aquí xa que os meus pais residían en Viveiro. Eses anos de neno, que case todos lembramos coma os mellores da nosa vida (non sei qué poeta dicía que a felicidade non é unha vivenza senón unha lembranza) non os vivín aquí. Só viñamos pasármo-las festas de Nadal e tamén o festeiro mes de setembro, naquel autobús de Paquiño de Foz que botaba catro horas longas no percorrido. Cansos da viaxe, cando por Villaframil ollabámo-la Torre dos Moreno, brincábamos de ledicia.
As miñas lembranzas daqueles 40 e primeiros 50 céntranse na rúa Reinante (onde vivía), a Praza, o Cantón e o Xardín, cos seus grandes eucaliptos onde xogabamos o fútbol, contemplabamo-las partidas de bolos dos maiores e á caida da tardiña, avisados polo seu asubío, corríamos ata o paso a nivel para ver chega-lo tren. Aquela época feliz rematou en 1953 cando marchei estudiar a Madrid.
Históricamente Ribadeo foi unha vila importante. No século XIX armaba barcos que ían ó norte de Europa e América, tiñamos escola de Náutica, Aduana e ata Consulados extranxeiros. Vivíamos cara a ría e a matrícula de Ribadeo paseaba por tódo-los mares. Os pobos da ría tiñan unha fluída comunicación marítima xa que non había estradas. Pero co cambio do século, Ribadeo deixou de mirar para a ría e volvéuse cara á terra, co que aquela actividade marítima e mercantil foi desaparecendo. Diso laiábase Paco Lanza nos anos 30 no seu “Ribadeo antiguo” cando escribía “Hoxe, por non haber, case que non hai auga na ría. Todo aquello rematou nun grande criadeiro de longueirós”.
A principios do século houbo un lixeiro rexurdimento ca inauguración do tren Mineiro de Villaodriz (que creo que este ano cumpre o seu centenario). Incluso se plantexou a prolongación do tren ata o Bierzo para sacar por Ribadeo o carbón e ferro daquela comarca. Pero daquel proxecto non queda máis ca os nomes de Ribadeo e Vilafranca en senllas rúas das duas Vilas. Non fumos quen de conquerir para a ría, no desenvolvemento industial do século XX, un proxecto industrial que xustificase o seu dragado, posible porque a ría é unha falla xeolóxica chea de area onde a pena fica moi abaixo. Probas delo temos dabondo. Xa a raíña Isabel II preguntara se os cimentos da Ponte de Porto eran de prata, polo que estaba costando. Anos máis tarde, a primeira pilastra da Ponte do Ferrocarril, na Veiga, repisou visiblemente, ainda que se pilotara ata 30 m. E na Ponte dos Santos houbo que chegar ós 60 m. A Ría permite un dragado para que entren nela os maiores barcos.
Pero, como dicía Paco Lanza, quedouse en criadeiro de longueirós, e agora tamén ostras na Liñeira. A desaparición da actividade marítima e mercantil motivou na comarca certa emigración a América. Algunhas fortunas alá conseguidas colaboraron a que, o Ribadeo que deu as costas á Ría e volveu a faciana á terra, consolidase unha vila ben urbanizada e con boas edificacións, das que a mellor mostra é o Pazo dos Moreno e o Cantón, que, coa Casa do Concello, conforma a imaxe urbana máis represantativa e fotografiada da vila.
Tamén o desenvolvemento do transporte por estrada no século XX apuntouse a nosa vila cunha gran iniciativa local que foi a “Empresa Ribadeo”, cuxos coches paseaban o nome da vila polas provincias de Lugo e A Coruña. Ribadeo era punto obrigado para xantar ou durmir nos longos desprazamentos entre Asturias (Oviedo e Xixón) e Galicia (A Coruña ou Lugo) motivando unha industria hosteleira (Ferrocarrilana, Lamas, Comercio) mellor cá da capital da provincia. Pero a paulatina mellora das estradas foi acurtando a duracion da viaxe ata facelo posible en media xornada, co que fomos perdendo esa posición de parada e fonda coa conseguinte merma daquela actividade hosteleira. O incipiente turismo non foi quen para manter aquela supremacía provincial hosteleira.
Nos derradeiros anos desatouse un desaforado crecemento urbanístico, acelerado dende a apertura da tan desexada Ponte dos Santos que achegou a Ribadeo ó occidente asturiano. Pero ese crecemento foi bastante anárquico. Ainda que a súa orografía permitía a Ribadeo crecer, salvo para o leste que está a Ría, para os outros tres puntos cardinais, a vila medrou sobre todo para arriba. Dende calquera lado que se mire, Ribadeo é unha desfeita urbanística. Altos edificios e poucas rúas novas (a maioría estreitas) e ningunha nova praza nen zona verde. Coa desaparición do Xardín, Ribadeo ten hoxe menos zonas verdes ca hai 50 ano. E se entón, cando apenas había coches, podía cruzarse a vila polo centro (catro calles) ou polos peiraos, hoxe, coa vila máis grande e moitos máis coches, seguemos con soio dúas posibilidades; pola Praza (esa circunvalación prantexada con moi pouca visión de futuro)e tamén polos peiraos.
Os altos edificios apenas deixan ve-la Torre dos Moreno, e ó seu carón, no Cantón, ergueuse un feo edificio que destroza a imaxe máis ollada da vila. Penso que se os edificios son dos seus donos (que poden facer dentro deles o que queiran), as fachadas son unha propiedade pública, xa que conforman a imaxe das Vilas, polo que os gobernos municipais non deberían permitir tales construccións.
Non se observan tales desfeitas nas Figueiras, Castropol nin siquiera na Veiga, onde malia súa escasez do solo non se edifica nas alturas de Ribadeo. Ben é certo que, como lles escoitei comentar a dous arquitectos da zona, “en legislación urbanística Galicia leva vinte anos de retraso respecto a Asturias”. Tampouco resisten a comparanza as estradas comarcais. A N-634 veuse modernizando dende Asturias cara Galicia. Na mariña asturiana sacouse dos núcleos urbáns coma A Caridad, Porcía, Tapia, para manter un bo trazado con arcéns. Pero tras cruza-la ría e chegar en novo trazado a O Voar, se mantivo íntegramente o vello trazado a traveso da Devesa, Reinante, Barreiros, ainda que a orografía permitía variante por ámbo-los dous lados da estrada. Así séguese atravesando tódo-los núcleos urbáns case sen arcens e con limitacións de velocidade.
Máis perto de nós, cando se arranxou a estrada de Barres á Veiga, se fixo un viaducto en Berbesa e unha importante mellora en Vilavedelle, entre outras. Anos máis tarde abordouse a beira galega de Ría, de Ribadeo á Veiga. Mantívose o vello trazado, sen Pontes na Vilavella, nas Aceas ou na baixada a Reme. Só se suavizaron algunhas curvas o que non evita as recomendacións de non pasar de 30 km/h, mentres pola outra veira da Ría se circula con comodidade.
É unha mágoa decatarse de que mentres o desenvolvemento industrial foi a base do crecemento nos tempos modernos, a Ría quedou fora dese progreso. Ribadeo e a Veiga carecen de polígonos industriais e soio Castropol está a arranxar un en Barres. Na única industria que destaca Ribadeo, ademáis da construcción, e na industria do botellón, que si deixa na vila moito diñeiro na movida dos fins de semana, ten outras connotacións moi negativas.
E qué decir da prensa local? Desapareceu “As Riberas” (o semanario máis antigo de España) e a “Comarca” actual nos atura coas loitas políticas do Concello. Só a constancia e vontade de Dionisio Franco (merecedor desa próxima homenaxe) nos achega algunha nova da vila ós ribadenses da diáspora.
Chegados eiquí me gustaría plaxiar a Martin Luther King e dicir que en Santa Cruz contemplando a Ría, eu tamén tiven un soño.
Soñei que Ribadeo medrara de xeito espallado con amplias rúas e parques e unha edificación baixa que deixaba ve-la Torre dos Moreno dende todas partes. A Ponte dos Santos era unha esbelta ponte atirantada sen columnas na auga. Na Ría non había tesóns, que se dragaran para rechear os xuncais de Reme onde se instalara unha fábrica de coches “Toyota”. Colaboraba o dragado unha empresa areeira comercializando area para a construcción, que sacaba da zona dos tesós e lavaba no río de Reme.
Nos polígonos industriais da Devesa, Barres e Porto ficaban prósperas empresas desenvolvidas ó carón da Toyota e promovidas por homes do talante emprendedor de Carlos Nistal, Francisco Díaz (Gondán) ou Andrés Tojal, promovendo gran actividade nos peiraos xa dragados da ría. Os estaleiros das Figueiras e da Vilavella traballaban arreo e outros pequenos construían as embarcación deportivas que a prosperidade da xente daquela ría, navegable ainda en baixa mar, demandaba e que obrigaran a máis portos deportivos, na Vilavella, as Aceas, a Lineira, Vilavedelle e Reme. Fermosas urbanizacións salpicaban a Ría en Vilaselán, Obe, a Lineira e Vilavedelle.
A circunvalación de Ribadeo arrancaba das Aceas e remataba no Tombín (como xa propuxera fai medio século Carlos Couto). Os autobuses da Empresa Ribadeo percorrerían toda Galicia e o norte de Portugal e a actividade e o progreso económico da comarca mariñá galaicoasturiana permitía establecer voos a Madrid desde o aeroporto de Villaframil.
Eficientes centros educativos (incluso unha escola de enxeñeria técnica industrial especializada en mecánica do automobil) formaban á xuventude da comarca que xa non tiña que emigrar, pois había traballo dabondo na ría, onde os tres concellos colaboraban preto deixando da lado estériles liortas políticas.
Tal colaboración plasmábase no verán nun programa de festas conxunto no que tiñan gran peso as competicións na ría, de natación, remo e vela, destacando o descenso da ría a vela e o descenso do Eo a piragua, entre outros.
E na Xira de Santa Cruz acudía a xente para contemplar alí aquela fartura e festexar a súa ledicia nunha festa que duraba dous días entre fachendosos xantares, concursos, cánticos e ata teatro ó aire libre. E todo envolto no son da gaita, sen orquestras de moitos watios nen outra intromisión sonora que a serea de algún barco que baixaba á ría cheo de coches, e coa que Toñito Torviso tentaba afasta-los botes que navegan por ela.
E no medio de tanta ledica bailaba eu ó alegre son dos gaiteiros e tanto brinquei que espertei. Despertei sentado ó pe da Capela; estaba nublado e case orballaba. Mirei para a vila e contemplei a súa desfeita urbanística. Fixeime na Ría, estaba marea baixa e os tesós apenas deixaban ve-la auga. Tornei a vista para Reme. Alí estaban os xuncais, sen Toyota algunha. Nada daquel sono era realidade. Naquela tarde gris e silenciosa pareceume que do gaiteiro saía un triste queixido. E lembrei aqueles versos de Rosalía nos que dicía, que as veces, “a Gaita non canta, que chora”.
Por elo pregarei, mañá na Capela de Santa Cruz, ó pe do Gaiteiro, que os pobos da ría volten buscar nela a súa prosperidade, Que os seus gobernos municipais deixen as estériles liortas políticas e traballen xuntos e arreo pola prosperidade da comarca.
Para que un día non lonxano, a gaita do Gaiteiro cante con toda a súa forza. Boas noites e moitas gracias.