Pregón do 2005 - Celso Currás Fernández
PREGON DA XIRA DE SANTA CRUZ 2005 - Celso Currás Fernández
Celso Currás Fernández
Nado en Trabada en 1955.
Doutor en Ciencias da Educación, Diplomado en Psicoloxía e Mestre; posúe o título de Directivo da Xunta de Galicia e de especialista en lingua galega. Pertence ó corpo de inspectores de educación, profesión que actualmente exerce. Ten exercido tamén como mestre e director de colexio público. Foi conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria do Goberno de Galicia durante máis de nove anos. Tamén foi Director Xeral de Formación e Emprego e Deputado no Parlamento Galego. Ten publicado varios libros sobre educación, familia, formación e emprego e impartido diversos cursos e ponencias. Actualmente colabora nun grupo de investigación da Universidade de Santiago. Colaborador habitual en prensa, radio e televisión. Forma parte dun grupo de expertos para elaborar un curso de formación de país a través de Internet por encargo da Fundación PROFORPA.
Saúdo:
Quero que as miñas primeiras palabras sexan capaces de reflexar a ledicia e o honor que supón para min pregoar este ano unha festa tan entrañable como é A Xira de Santa Cruz. Ribadeo foi sempre a nosa principal referencia urbana. Como sabedes, nacín en Trabada, terra á que sigo absolutamente vinculado, ainda que levo máis de trinta anos vivindo en Santiago, cun paréntese de sete en Burela.
En Ribadeo estudiou miña nai e tivo mestres moi bos como foi Dionisio Gamallo Fierros. En Ribadeo exercín de mestre e de inspector de educación, hai xa máis anos dos que quixera. Xa que logo, téñolle cariño a esta vila e á súa xente; a vostedes, a quenes quero agradecer a invitación para pregoar esta festa. Permítanme que a concrete nun amigo de sempre que ma fixo persoalmente, refírome a José Carlos Rodríguez Andina, con quen manteño unha estreita relación desde nenos, hoxe fortalecida co paso dos anos e coas moitas coincidencias nos planos persoal, profesional e político; tres “p” fundamentais na vida de calquera persoa.
Co primerio domingo de agosto chega un ano máis a Ribadeo, e xa van cincuenta, o día da Xira a Santa Cruz para rendirlle cálida homenaxe á GAITA GALEGA e ós gaiteiros que a tocan. Ten a festa deste ano un algo especial. Celebramos o cincuenta aniversario da inauguración do momumento que o escultor Faílde creou para honrar a cantos se adicaron á música galega.
Ademáis do recordo agradecido para o eximio escultor Faílde quero ter unha moi especial lembranza para os irmáns Suárez Couto, Amando e Carlos. Dous homes profundamente humanistas que traballaron arreo por revivir e conservar as tradicións da súa terra, que é a nosa.
Amando fundou no ano 1924 e dirixiu o coro “Cántigas da Mariña”. No ano 1927 creou unha biblioteca popular; axudou á creación definitiva da Coral Polifónica de Ribadeo que, por certo, tamén celebra este ano o seu cincuenta aniversario. Reciba esta Coral e os seus membros a miña felicitación e o meu desexo de moitos anosde éxitos. Non lle faltou tempo a Amando para axudar ó fútbol de base, sendo mesmo directivo do equipo local.
Carlos, por citar só unha das súas moitas e meritorias actuacións altruistas, foi quen imprimiu, do seu peto, o libro de Francisco Lanza, RIBADEO ANTIGUO, no ano 1931. Recordo agradecido, para estos dous irmáns e para todos os nosos antergos que co seu labor calado, e case sempre olvidado, forxaron, conservaron e engrandeceron as nosas tradicións, entre elas as nosas tan variadas e divertidas festas.
Esta que celebramos hoxe principiárona os irmáns Couto e un grupo de amigos, como un paseo con merenda, unha pequena e íntima excursión polo campo, que desde o ano 1955 adquiría unha nova dimensión. Ademáis do monumento ó Gaiteiro promoveron clases de música e danza tradicionais durante máis de 30 anos, e, no ano 1989, a Sociedade que eles fundaron aproba uns estatutos novos e adquire carácter de Cultural-Recreativa- Deportiva, merca 8000 metros cadrados de terra e constrúe dúas pistas polideportivas axeitadamente dotadas.
Nos mais de nove anos que tiven a honra de ser Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, responsabiliceime tamén da política lingüística da Xunta de Galicia. Neste ámbito, potenciamos unhas xornadas anuais moi entrañables para Ribadeo; refírome a “Mar por Medio”, evento de fondo carácter galeguista no que tiña un merecido protagonismo un ribadense adoptivo: John Rutherford.
O centro Ramón Piñeiro para investigación en humanidades, depende da Consellería de Educación. Un doslabores que desenvolveu nestes anos foi o da recuperación da memoria histórica dos galegos de fins do século XIX e de principio do XX. Destacan publicacións como A Monteira de Lugo (1889-1890); La Tierra Gallega que dirixía Curros na Habana entre 1894-1896 e que chegou a acadar 146 números, máis de mil páxinas de gran formato; A Gaita Galega, publicada na Habana entre 1885-1889 e dirixida por Lugris Freire quen, por certo vai ser o autor homenxeado nas Letras Galegas do próximo ano 2006. Outras publicacións importantes foron La Patria Gallega, Alborada ou La Tierra Gallega de 1915.
A todos estes xornáis e publicacións habería que engadir todas aquelas que en distintas vilas de Galicia floreceron durante os últimos meses do século XIX e o primeiro terzo do XX. Así en Ribadeo coñecemos a existencia do xornal Bandeira Católica, que se publicou entre 1911 e 1915; pero, sobretodo, debemos citar os imprescindibles na vida social desta vila durante os últimos noventa anos: Riberas del Eo primeiro e La Comarca del Eo despois, fundado por Francisco Lanza en 1919, que aínda continúa a súa publicación e que afortunadamente goza de boa saúde.
Todos estes xornais de carácter local ou comarcal tiveron unha fonda trancendencia na recuperación da nosa identidade de galegos. A través das súas páxinas transmitíanse pensamentos de reivindicación das nosas fontes culturais e da nosa tradición; en definitiva, de todos aqueles trazos que nos definen como galegos.
Baixo o título xenérico da ”gaita galega”, instrumento por excelencia da nosa música tradicional, hai moito máis que unha recuperación musical e pasa a converterse en arquetipo e paradigma de canto temos que recuperar das tradicións para seguirmos mantendo a nosa identidade como galegos. Xa en 1853, na obra de Xoán Manuel Pintos A Gaita Gallega, tómase a gaita como pretexto para ensalzar a lingua, os costumes e o xeito de actuar. Esta obra é en realidade un manual de iniciación á nosa fala; pero ainda máis, é unha apoloxía xeral de Galicia e un alegato patriótico. O primeiro documento escrito coñecido no que se cita un gaiteiro data do ano 1374. Segundo a Nova Enciclopedia Galega de Silverio Cañas, que está editando El Progreso, a asistencia do gaiteiro e do seu tamborileiro ás festas patronais e sacramentales dos séculos 16 e 17 adoitaba asegurarse por medio dun contrato público.
Curiosamente, En Ribadeo o gaiteiro elixíase en consello aberto o primeiro día de cada ano e era frecuente que o cargo pasase de pais a fillos, polo que se formaban longas dinastías de instrumentistas. Dende sempre as cántigas, as coplas populares, son unha parte da sabedoría que reflecte moi ben toda unha filosofía de vida, un xeito de pensar. E non concibimos estas cántigas noutra lingua que non sexa a nosa. As mensaxes afianzan toda a súa carga de significados ó ser recitadas e cantadas en galego. Un autor que estudou as cántigas populares como poucos foi Ramón Cabanillas. Na súa Antifona de Cantiga recolleu case novecentas, de entre as que sacamos, por seren propias para esta ocasión as seguintes:
As mozas de Robordán (Ribadeo)
cando bailan no quinteiro
botan os ollos prá gaita
e as olladas pró gaiteiro.
Espereite onte na festa
e tan trisme me atopaba
que bailei con sete mozas
por ver se me consolaba.
O diccionario define o pregón como un discurso eloxioso no que se anuncia ó público a celebración dunha festividade e se lle incita a participar nela. Pois ben, o discurso xa está case rematado e polo tanto agora só me queda incitalos a todos vostedes a participar na festa. E isto non é difícil porque son xente que sabe estar sempre onde debe estar. Cando tocan a traballar, son moi traballadores perp tamén, cando tocan a bailar, a disfrutar da festa, saben vostedes facelo como ninguén.
Todos necesitamos alegría, evasión; necesitamos fuxir da vida real, non sempre alegre nin doada. Convennos, de cando en vez, internarnos no mundo ilusorio e fantástico. A diversión non é frivolidade senón, polo contrario, algo consustancial ós homes de ben, que buscan nela novo estímulo, novas forzas, para reemprender inmediatamente as tarefas serias e obrigadas.
Ribadeo brinda, como tódolos anos, unha boa ocasión para a diversión, abrindo as súas máis brilantes páxinas do seu libro da Xira de Santa Cruz. A vosa hospitalidade, o sentido do fogar, os lazos familiares que se conservan como fermoso tesouro herdado dos nosos antergos, son faros que resplandecen que atraen, que serven de aglutinantes, de voz que chama, invisible pero clara, ó máis tenro e recóndito da nosa alma.
Non quero rematar este pregón sen ter un recordo moi entrañable para tódolos que se foron pero que estarán sempre presentes na nosa memoria, para tódolos veciños que están ausentes e que por diversos motivos non poden estar este día connosco.
Subamos a Santa Cruz, subamos, como dicia o Dr. Rodríguez Rodríguez “A magnífica atalaia sobre a ría e a costa aberta desde Tapia ata Reinante; espléndida cando a neve invernal cubre co seu branco manto á asturiana Bobia que se derrama no Pico de Rubión e outras alturas da beira astur”.
Non me resisto tampoco a citar o fermoso cantar (que pode lerse no libro de Francisco Lanza, "Falan os de Ribadeo"):
Santa Cruz está nun alto
e Ribadeo no baixiño
i á beira da carretera
está a Virxe do Camiño.
Deixemos, xa, paso a festa. ¡Que nenos, mozos e vellos canten e bailen! ¡Que saibamos conservar sempre o noso patrimonio llingüístico, festeiro e cultural! ¡Longa vida á festa da Xira de Santa Cruz! ¡E de hoxe nun ano!
Moitas grazas.