Pregón do 2010 - Mª Carmen Rodríguez Cancelo

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Nada en Ribadeo en 1959. 

Cursa estudos musicais no Conservatorio de A Coruña e, con posterioridade en Madrid onde, ó mesmo tempo, fai a carreira de Maxisterio; no Real Conservatorio de Música de esta derradeira cidade obtén o título de Profesora de piano no ano 1979 e tamén remata Maxisterio obtendo acceso directo á función pública ó que renuncia por  motivos familiares. Comenza como profesora no Colexio Sagrado Corazón de Xesús con cuxa labor continúa actualmente. Ten impartido cursos de música para profesores e clases de solfexo e conxunto coral en diversas localidades. Ten escrito artigos en diversos xornais e colaborado en outras publicacións. Dende o ano 1978 forma parte da Coral Polifónica de Ribadeo e dende 1984 e a súa Directora Titular. Pola súa labor foille concedida a medalla do Concello de Ribadeo e tamén a Fundación Iniciativas 21 a recoñeceu nomeándoa unha das 21 mulleres galegas do ano 2009.

 

Pregoar unha festa na túa vila e ante os teus é, en primeiro lugar, algo honorable que implica, xa de antemán, a estima que, a entidade ou persoas que propoñen a un, lle profesan, sexa persoal ou socialmente. Polo tanto, antes de iniciar este pregón, gracias pola confianza depositada en min, que me fai ser merecente deste honor e unirme á xa longa lista de ilustres pregoeiros desta entrañable festa, e gracias a todos os que me acompañades neste fermoso intre, amosándome deste xeito a vosa cercanía.

 

Pregoar é promulgar, en voz alta e nun sitio público, algo que convén que todos saiban, artellando un discurso eloxioso, mellor breve, que anuncie a celebración dunha festividade e invite a participar nela. Esta festa, impulsada dende 1955 polo entusiasmo dos irmáns Suárez Couto, arroupada dende 1962 pola sociedade “Amigos da Gaita” é pregoada con sona dende 1980, é o “Día da Gaita e Xira a Santa Cruz”.

 

A gaita é un recordo vago da miña infancia, recordo que, na distancia, vai unido ás muiñeiras que, de xeito tímido e sen gaita, por certo, se iniciaban daquela no colexio, por desexo de Sor Pilar, da man de Maribel Navarret e Mª Carmen Villadonga e que continuaría despois Fernanda Sela. Gaita que non ocupou ningún lugar importante na miña vida, pero que fun aprendendo a amar, quizais ó lado dos meus fillos, e que foi espertando en min emocións e sentimentos: cando o seu son facía bailar ós Cocos, cando os seus pasarrúas anunciaban un día de festa ou cando, solemnemente, acompañaba as procesións ou iniciaba a Misa da Patroa. 

 

As primeiras noticias da gaita proceden da India, do S. VIII a. de C.: unha gaita cun odre e dous tubos que usaban só os encantadores de serpes. A gaita, con fol de pel de can e punteiro de ósos, que os gaiteiros de Tebas tocaban, segundo conta o poeta Aristófanes, no ano 400 a.de C.; a gaita que era o instrumento da infantería romana e que o emperador Nerón tamén tocaba, foi, desde as súas orixes lonxanas, un instrumento popular importante en tódolos ámbitos sociais: festas, vodas, misas, funerais...

 

En Europa non se volve ter referencia da gaita ata os S. IX e X, e é ó longo da Idade Media, cando gozaría de gran popularidade. Parece que entrou na Península, probablemente, a través do Camiño de Santiago, procedente da Provenza francesa. O seu son percorreu longos camiños e sobrevive hoxe, (en algunha das súas diversas variedades, dependendo da súa morfoloxía e sonoridade), no ámbito da música popular, en gran parte de Europa e N. de África, Turquía, Irán, Pakistán, e incluso China, Xapón e Colombia.

 

O primeiro gaiteiro galego, sobre o que existe documentación escrita, foi o ourensán Gomes Mouro que, según consta, foi contratado en 1458 polo concello de Ourense para amenizar diferentes actos.

 

Segundo recolle Carlos A. Lebredo, no seu libro”Música e Sociedade en Ribadeo”, desde o S.XVII, en Ribadeo, e por medo a quedar sen música nos festexos, celébrase unha sesión plenaria municipal, o día primeiro do ano, para decidir a contratación do gaiteiro, que quedaba rexistrada ante notario. Aquel solitario gaiteiro, ás veces acompañado dun tamboril, foi evolucionando ata o clásico e tradicional cuarteto: gaita,clarinete, tamboril e bombo.

 

Os cuartetos de gaitas eran os que amenizaban os bailes, cun programa de pezas bailables de diferentes estilos, tanto nos salóns pechados como nos quioscos e prazas das vilas, especialmente se non había unha banda. A súa presenza era habitual nas rúas, os días de festa, en vilas e aldeas. Durante moitos anos (séculos máis ben), en case todos os lugares, se non había gaiteiro, non había baile. Co paso dos anos e coa competencia dos instrumentos clásicos e modernos, o traballo do gaiteiro foi diminuíndo, sobrevivindo só no ámbito máis popular.

 

E a gaita saiu do seu fogar tradicional, sen abandonalo nunca, e emigrou a outros mundos que non coñecía (á música moderna, ó jazz, ó mundo academicista de escolas e conservatorios..), buscando aires novos cos que encher o seu fol ou desexando demostrar as súas inmensas potencialidades de expresión e de achegamento a xentes diversas.

 

A nosa gaita garda, nembargantes, con certa nostalxia, na súa “alma de buxo”, o seu pasado glorioso e a lembranza do Cuarteto Ribadense de Ramón Manso (1919), dos Quirotelvos ( que pasaran a Ría desde Castropol alá polo 1925), dos Ribanova (1928), dos Celtas ( dirixidos por Pipo), do Cuarteto de Costas (dirixido por aquel ferreiro portugués que, á pregunta dun dos seus: -E agora, cal tocamos?, respondía con aquel xa famoso: -A mesma, pero máis cargada de bombo).

 

Lembra, a nosa gaita, como non!, a xuventude e elegancia das Meniñas de Saudade que, nun día coma hoxe de 1961, entraron na historia da música popular como as primeiras damas da gaita. Recorda, no seu soprete, o alento das sabias leccións de Primitivo que en 1964 creara Follas Novas e que Geni e Daniel se encargaron ( e encargan), co seu entusiasmo, de que esas follas sigan a agromar, aínda que sopren vendavais.

 

Pero a gaita, a pesar do seu son agudo e penetrante e dos seus decididos chillón, ronquillo e roncón, é tímida (quizais necesite saberse hoxe algo máis importante), e por iso lle gustaría sentirse acariñada por dedos aínda que engurrados ou durmidos polo paso do tempo, ou dedos infantís, anque torpes aínda; dedos que a mimaran e lle permitiran encher de vibrantes sons as rúas, dedos que recollerían dos vellos gaiteiros toda a sabedoría que os seus gardan, acumulada en tantos anos de amor mutuo.

 

Gaita e Xira unidas no comezo da festa, unidas durante o transcorrer destes xa moitos anos e unidas tamén no cambio, na encrucillada de camiños que son a tradición e a modernidade. Porque elas saben que as tradicións perviven se van unidas ó cambio, cedendo estas un pouco da súa autoridade, gañada cos anos, ante a imparable modernidade das novas xeracións.

 

Por iso, a Xira, co elo común de Festa da Gaita e subida a Santa Cruz, é vivida de xeito particular por cada grupo, conservando costumes e, ó mesmo tempo, incorporando particularismos que, aínda co risco de desfigurala, deben axudar a mantela viva.

 

Así, a subida a Sta.Cruz xa non é a pé, nin nos camións do Cabarqués ou na camioneta de Constante de Ramos, que levaban a familiares e achegados nunha viaxe curta, pero de seguro emocionante para os máis cativos, nin nos autobuses de Canceleiro, Calzado e Lilo que cargaban, nos arredores do Cantón, cestas e xentes nunha viaxe de ida e volta continuas. Hoxe, as reas de coches marcan os sendeiros do monte e poucos se atreven a subir andando, e, menos aínda, cargando coa comida.

 

Grupos de mozos instalan xa as súas tendas a noite anterior á festa, para que o gaiteiro, ó espertar esa mañá de aniversario, se sinta felicitado pola súa presencia, augurio dun día grande. Polo mediodía, as familias van tomando posesión do seu espacio verde, acotado con febles muros de cordel, (se os trasnos, aínda contando coa complicidade das tebras ou da luz lagañosa do amencer, tiveron a ben descansar esa noite).

 

Parcela preparada axeitadamente para facer fronte, con comodidade, a longas horas de reunión, acondicionada incluso, nun pasado cercano, con luz eléctrica que Pepe da Luz se encargaba de instalar, para prolongar a festa ata máis aló de medianoite, mentres os pequechos durmían o seu primeiro sono nos carriños, arroupados da xeada, baixo o ceo escurecido.

 

Outros grupos de rapaces prefiren empezar a xirar abaixo, na vila, polas rutas dos viños, mesturados con voluntarios da Cruz Vermella que, dende hai moitos anos, xiran tamén este día na procura doutros obxectivos máis altruístas e menos festeiros.

 

O xantar é o momento para recuperar a conversa e as delicias gastronómicas que cada grupo ten por costume compartir cos seus invitados. As pistolas de auga, coas que os nenos, inimigos dos longos xantares, substitúen as tertulias, súmanse á festa, xunto a outros obxectos que cada ano se poñen de moda: o sombreiro vaqueiro, o de explorador, o de camuflaxe..., que nos fan decatarnos, neses momentos de vagar, doutras realidades persoais, doutras xentes que tamén queren vivir.

 

A música tradicional ameniza “as merendas” e o recordo dos Garceiras, dos Montes e de Brisas do Landro se fai presente nas novas agrupacións que enchen o monte de corcheas e semicorcheas melodiosas e brincadeiras. Os seus sons enxebres, ás veces ignorados, mestúranse con ritmos tecno ou ska, que pincha algún grupo, ou mesmo co chirlar das motos ou dos Fórmula I que saen das curvas dalgunha televisión que tamén quixo subir á Xira.

 

A imaxinación foi conquistando tamén a festa e moitas pandillas, non só teñen un nome oficial: Os Rondeiros, O Chabolo, Os amigos de sempre...., senón que cada ano agudizan o seu enxeño buscando lemas para imprimir en cadansúa camiseta: lemas sinxelos e alusivos á festa, como “Xirarei”; outros que teñen como protagonistas á bebida e ó feito de beber: “ Se queres deixar a bebida, déixaa por aquí cerca”. 

 

Algunhas frases forman parte da xerga dun grupo particular e só eles entenden o seu significado. Outros lemas máis elaborados son refrexo dalgúns feitos significativos da actualidade local ou global: é o caso de frases como ”Vaite pola sombra”que criticaba o aspecto de Santa Cruz tras a tala de eucaliptos e acacias que, fai anos, cambiara a faciana do monte; “O Rondeiro resiste” facía alusión á menor afluencia de xente á Xira; “Devolver, un film de Os Rondeiros do Eo”, en clara alusión á película de Almodóvar, ou “Xira 2008, deporte olímpico” con disciplinas tan “deportivas” como 100 m a rolo, barra fixa, moratón, levantamento de vidro ou borracheira sincronizada. Lemas que comparten con todos desde o peito das súas camisetas (que en algunha ocasión tamén vestiron ó Gaiteiro), e que gardarán como recordo do moito vivido.

 

A tarde é o momento de agasallar, con muiñeiras, pasodobres e foliadas, ó Gaiteiro, aires que toman forma nos xiros, saltos e roldas dos danzantes que quixeran envolvelo co aire das súas saias e as caricias dos seus brazos. As horas van pasando e algúns queren apuralas, vivir nese día tódalas sensacións imaxinadas e acumuladas ó longo dos meses, que quedan esvaecidas no sopor dun sono de alcol. A tardiña invita a admirar a beleza da paisaxe e contemplar a natureza que esconde, en cada rincón, unha explosión de vida. E cando o solpor dá entrada á noitiña e as luces solleiras se tornan laranxas e moradas, moitos emprenden o regreso. Outros agotan os últimos retazos da festa, animados por músicas que ó Gaiteiro se lle fan estranas, pero que, como home de mundo, intenta comprender.

 

E xa coa noite caída e coas febles luces que o arume dos piñeiros e a espesa follaxe de eucaliptos e salgueiros deixan traspasar, as tímidas habaneras, foliadas e outros cantos, que a memoria se encarga de rescatar, arrolan o sono do Gaiteiro, nun mezzopiano sonoro, mentres ducias de imperceptibles bágoas esvaran polo seu rostro pétreo, mentres o silenzo se vai facendo, pouco a pouco, dono outra vez do monte.

 

Quero rematar este pregón cun documento cinematográfico, unha crónica visual e sonora de gran valor documental e sentimental, filmado no ano 1965, propiedade de Carlos Díaz Suárez, ó que agradezo a deferencia que tivo comigo, permitíndome proxectalo hoxe como parte deste acto. Son imaxes para a lembranza, lembranza para o recoñecemento e agradecemento a quen nos precederon e nos legaron unhas tradicións que, os que vivimos o presente, debemos seguir mantendo vivas, conxugando o espírito dos nosos devanceiros co decorrer dos novos tempos.

 

Que o recordo desta Xira de 1965 nos anime a seguir subindo a Santa Cruz, como parte desta historia común que xuntos imos escribindo día a día.

 

Gaiteiro de pedra, con alma de música,

de escoita impasible

e mirada soñeira, perdida no alén,

iluminado outrora pola Cruz de luz, guía de mariñeiros,

e acompañado no silenzo pola Nosa Señora da Santa Cruz,

fainos lembrar coa túa presenza serena

estas tradicións que ti encarnas

e transmitir ós nosos herdeiros

o orgullo e ledicia de sermos esta terra.

 

Mª Carmen Rodríguez Cancelo

Ribadeo, Xullo de 2010

{gallery}p2010{/gallery}