Pregón do 2011 - Antonio Deaño Gamallo

 

Antonio Deaño Gamallo

 

Nado en Ribadeo en 1950.

Licenciado en Lengua e Literatura Española na Facultade de Filosofía e Letras de Oviedo. Profesor de instituto en varios lugares, leva xa máis de vinte anos no de Ribadeo. Gran lector, debuxante á plumilla e afecionado ó teatro. Verdadeiro apaixoado da fotografía coa que ten acadado varios prestixiosos premios.

 

Boa tarde / noite

 

Amigos e amigas, ribadenses e foráneos, moitas grazas pola vosa presencia neste acto. Señores Directivos da Sociedade Amigos da Gaita moitas grazas por me ter convidado a pronunciar este pregón. Poucos son os meus méritos para facelo se descontamos o feito da miña paixón por Ribadeo, e por todo o que aquí se fai, e da miña devoción pola Xira na que case sempre participei e á que acudo asiduamente para deixar constancia fotográfica da mesma. Quero antes de nada gabar e agradecer tamén a perseveranza e a entrega da Sociedade Amigos da Gaita, que leva tantos anos organizando con destacable éxito esta Xira de Santa Cruz en Ribadeo.

 

Para artellar este breve pregón acudirei a catro citas ou locucións latinas, e non por petulancia ou vaidade intelectual, senón porque considero que estas citas poden ser un idóneo vieiro por onde dirixir o meu propósito de animalos a acudir a esta festa tan arraigada na memoria colectiva sentimental de Ribadeo. Ademais, segundo din, calquera cousa dita en latín (quidquid latine dictum sit, altum videtur) soa máis profunda e esta festa ben merece este esforzo.

 

A fin de contas, a nosa lingua, o galego, como todas as románicas, non son senón un latín con dous mil anos de antigüidade; é dicir, un latín con avoengo, con pedigree. Partamos dun O tempora o mores!; Oh, tempos! oh costumes!, empregado antigamente para criticar os usos e costumes do presente, lembrando a época dos bos hábitos de vidas. Utilicémola para recordar como foi o comezo desta Xira, para establecer algunhas diferencias entre o modo de vivilas naquela época e na presente e para mostrar como as resumían os xornais da época . 

 

Grazas á prensa escrita e máis ás testemuñas directas sabemos que dende antigo existía a tradicional festa da Santa Cruz, conmemoración do achado da Santa Cruz por Santa Elena; era o día 3 de maio, aínda que se celebraba no primeiro domingo dese mes, ao principio cun marcado acento relixioso, como testemuña a nota aparecida nun dos semanarios ribadenses, do 3 de maio do 1941, só dous anos despois de rematada a guerra:

 

“La Jira de Santa Cruz.

Mañana se celebrará la fiesta de Santa Cruz. Habrá misa solemne a las diez de la mañana y a continuación saldrá la procesión, que recorrerá el itinerario de costumbre. Si el tiempo lo permite serán muchísimos los fieles que se trasladarán al pintoresco lugar de la Ermita, para visitar el Santuario y disfrutar de una de las vistas panorámicas más bellas de Ribadeo.”

 

Naqueles anos, onde, como xa comentei, o contido relixioso era predominante en todas as romarías, eran abundantes os esmoleiros que se distribuían ao longo das pendentes que subían desde a igrexa de Ove ata a ermida de Santa Cruz. Segundo me contan, algúns destes, máis espelidos, herdeiros dos nosos pícaros literarios, sabían enxeñalas para espertar unha maior compaixón nas almas cándidas. Dobraban a parte inferior dunha das pernas sobre a parte posterior da coxa e colocados axeitadamente contra unha parede ou sentados sobre un valado, eran facilmente tomados por mutilados e acadaban así unha maior vantaxe no reparto das dádivas.

 

Ao carón do tradicional sentido relixioso e sen deixar de mantelo, ía aboiando, non obstante, un desexo de festa e alegría máis laica, pois ao ano seguinte, 1942, xa se anunciaba que habería unha tradicional festa e romaría e que unha Banda de música e Los Quirotelvos amenizarían a festa.

 

Esta nova tendencia é máis perceptible aínda no ano 1950, onde un dos xornais salienta o 6 de maio:

 

“La Jira de Santa Cruz. Con el disparo de potentes voladores han dado comienzo a las doce de la mañana de hoy, sábado, los tradicionales y siempre atractivos festejos de Santa Cruz, que este año revestirán inusitado esplendor. Esta noche se celebrará un vistoso baile-verbena en el espacioso salón de D. Ricardo López (Tapiego). Mañana habrá misa solemne, con sermón y procesión y por la tarde tendrá lugar en el pintoresco lugar en que está enclavada la ermita una animadísima fiesta campestre, en la que no faltarán las ricas y suculentas meriendas, ya que a juzgar por los preparativos la concurrencia de romeros equipados con repletas cestas de sabrosos fiambres y exquisitos vinos, ha de ser muy numerosa. Darán fin los festejos con otro apoteósico baile nocturno en el indicado salón del Sr. López, amenizado por una brillante orquesta.”

 

“Sabrosos fiambres, exquisitos vinos, apoteósico baile nocturno”, semella que, pasados xa os anos máis duros de penurias económicas e restriccións alimentarias nos ribadenses vaise afianzando un desexo de deixar atrás tristuras e dores.

 

Chegamos así ao ano máis destacado e salientable na nosa particular mirada retrospectiva, o ano 1955, no que segue a celebrarse a festa de Santa Cruz no mes de maio, segundo se recolle nunha noticia o día 7:

 

“Mañana domingo se celebrará en este pintoresco lugar la tradicional fiesta de Santa Cruz, tan popular en todos los pueblos de estos contornos. Además de los cultos religiosos en la ermita y en la iglesia de Obe, tendrá lugar una gran romería que será amenizada por una afinada orquesta y otras agrupaciones musicales. Esta fiesta de Santa Cruz es la segunda del año que se celebra en toda esta zona y por el panorámico paisaje en que se lleva a cabo se ve todos los años concurridísima de romeros, provistos de suculentas comidas y meriendas. En el salón de D. Ricardo López habrá colosales bailes animados por una brillante orquesta”.

 

E neste 1955 celebrouse por primeira vez a Xira de Santa Cruz no mes de agosto tal coma hoxe a coñecemos, organizada pola Comisión de Festas e grazas, sobre todo, ao tesón, esforzo e iniciativa dos irmáns Suárez Couto. Tivo lugar o día 31 de xullo dese ano, segundo recolle LA COMARCA DEL EO, no seu número de 24 de xuño:

 

“NUESTROS FESTEJOS VERANIEGOS

El domingo 31 de julio, Jira a Santa Cruz.

Realmente el primer número de festejos del actual verano es la Jira a Santa Cruz, que la Comisión ha señalado para el domingo próximo, día 31 de julio. Por cierto que la noticia de esta Jira ha sido acogida magníficamente por el vecindario que se apresta a concurrir en masa al monte de Santa Cruz y pasar en paraje tan delicioso el día entero, si el tiempo no tuerce los proyectos, que suponemos que no. Aunque la distancia es muy corta, habrá a disposición de los que lo deseen toda clase de medios de transporte.

 

En el monte puede estarse horas y horas con gran comodidad, pues de nada carecen los excursionistas. Y para que tampoco falte la música, se encargarán de amenizar el día, la Orquesta Monterrey y quintetos regionales, perfectamente distribuidos. Habrá ómnibus que partirán del Parque cada media hora. Que ayude el día, y ya veremos si no es preciso echar el “completo” en el monte de Santa Cruz.”

 

Á semana seguinte, LA COMARCA, no seu número do 7 de agosto de 1955 comenta como se desenvolvera a festa romaría:

 

“La Jira a Santa Cruz

Ha constituido un éxito extraordinario la que vamos a llamar “Primera Jira a Santa Cruz”. Porque a cualquiera que se le diga que con un día regular tirando a malo, amenazando lluvia, había en Santa Cruz, a la hora de comer, unas dos mil personas, le va a costar creerlo. Pues, sí, controladas, unas 2.000 mil personas. Todas las cuales habían subido por la mañana, la mayoría con sus respectivas cestas aunque otras familias hicieron su comida en el monte.

 

Para juzgar de la importancia de esta cifra hay que tener en cuenta que el día estaba amenazador, que es el primer año que se celebra la Jira y que era muchísima la gente que se proponía subir a las cinco de la tarde con merienda-cena. Y decimos “se proponía”, porque exactamente a esa hora comenzó a llover y no solo no subió nadie más sino que comenzó el descenso en toda clase de medios de locomoción.

Ahora bien, hasta la hora indicada se comió, se bebió, se cantó, se bailó. Sana alegría, sin la más insignificante nota estridente. Todo lo cual quiere decir que esta Jira a Santa Cruz debe de celebrarse todos los años y constituirá siempre un número muy atrayente de los festejos veraniegos. Y claro, a fecha fija, que muy bien pudiera ser el último domingo de julio, como este año. A fecha fija, como la Jira al Cubo, en Navia, la del Naseiro en Vivero, la de San Timoteo en Luarca, la de los Caneiros, en Betanzos.

Que la Jira ribadense al monte Santa Cruz nada tiene que envidiar a ninguna de las citadas. Porque lo que es espacio frondosidad y césped limpio hay allí para acomodar los centenares de personas que quieran subir. Felicitamos, pues, a la Comisión de festejos de este año por su iniciativa.”

 

Hai que destacar que esa impertinente choiva non impediu que a xente seguira divertíndose, pois o baile continuou en Rosa-Lar ata a madrugada.

 

A festa nesta datas foi ademais un modo de integrar nas celebracións ribadenses a moitas persoas que, sendo de aquí, un destino azaroso, laboral ou estudiantil as levara a invernar fóra da vila e só no verán podían retornar. Eran aquelas que logo figuraban nos semanarios de Ribadeo na sección de Los que viajan.

 

Nos anos seguintes seguen a celebrarse, segundo documentan os dous hebdomadarios ribadenses, as dúas festas de Santa Cruz, a do mes de maio, que mantiña un contido máis relixioso, e a do mes de agosto, máis festiva e rebuldeira, o que é facilmente comprobable, pois se ben na primeira se fala de “cultos religiosos”, “gran romería” e “romeros”, na segunda xa se empregan outros termos: “vecindario”, “excursionistas”, “personas”, “familias”, “gente”.

 

Aínda no ano 1959 ben parecen que dun xeito san rivalizan por ver quen fai a festa máis sinalada. Na do mes de maio anúncianse misa solemne acompañada por coro, orquestra e sermón, e pola tarde, xira e baile con la orquestra Maseda e Los Quirotelvos. Pola noite sesión de fogos e baile no salón Ricardo.

 

Da do mes de agosto, un semanario destaca: 

 

“Mañana domingo tendrá lugar la monumental Jira al encantador y poético bosque de Santa Cruz, que anualmente organiza la Comisión de Fiestas Patronales de Ribadeo y que constituye el primer número de nuestros festejos veraniegos, reinando gran animación en torno a la misma en todos los pueblos de la zona galaico-asturiana, por lo que será inmenso el gentío que provisto de suculentas comidas y meriendas, se trasladará a tan ameno lugar para pasar allí una alegre y plácida jornada. La Comisión -ese precioso ramillete de bellos claveles que la integran- ha trazado para esta Jira un sugestivo programa en el que figura, entre otros, un Concurso de Bailes Regionales (muiñeira, jota gallega, polca punteada) y de gaiteiros,con valiosos premios para los ganadores. Entre las diversas agrupaciones musicales que amenizarán esta gran fiesta campestre figuran el sexteto “Brisas do Landro” y el Quinteto “Os Penacavos”, con la colaboración de la Sección Femenina de Lugo.”

 

“Precioso ramillete de bellos claveles“. Supoñemos que ese ano a Comisión estaría formada integramente por mulleres, a non ser que se equivocara o xornalista e pretendera escribir en galego vello con uve e o fixera con be. Pero pouco a pouco a Xira do mes de maio foi esmorecendo, na súa vertente máis festeira, a medida que ía tomando pulo a do mes de agosto.

 

No ano 1961 debutou en Santa Cruz Saudade, o grupo de gaiteiras de Ribadeo, da man de Primitivo Díaz, e no 1965 a Sociedade Amigos da Gaita, tres anos despois da súa constitución, inaugura o Monumento ao Gaiteiro; a esta celebración uniuse a Polifónica de Ribadeo, que celebraba tamén o seu décimo aniversario. Ao ano seguinte inaugúrase a Cruz de Luz. No ano 1974 a festa dedícase aos irmáns Suárez Couto e empeza o costume de ampliar os festexos ao sábado anterior coa actuación dalgún coro. A dedicatoria no 1975 fáiselle ao gaiteiro Primitivo Díaz, e neste ano por primeira vez un grupo de xente canta espontaneamente o Himno Galego ao pé do Gaiteiro. Tamén houbo posteriormente concursos de queimadas e de coros. Só en tres ocasións, finais dos setenta, a Agrupación Cultural Francisco Lanza levou a organización da Xira e desde entón, como xa fixera nos sesenta, vén organizando ininterrompidamente a Xira esta Sociedade de Amigos da Gaita. En 1980 comeza a tradición de facer o pregón o día anterior. Parece claro que agosto comeza no noso particular calendario sentimental con catro palabras Xira de Santa Cruz e esta festa inicia en Ribadeo uns dos meses máis activos e dinámicos do ano.

 

Continuemos con outra cita latina:

 

Beatus ille, feliz aquel que lonxe dos problemas cotiáns busca no contacto coa natureza unha vida idílica. É un canto á vida tranquila no campo. Non creo que a Xira sexa unha festa especialmente tranquila, nin se pretende, pero que trae a felicidade e que se fai en medio da natureza, iso sen ningunha dúbida. Porque non só é natureza o que hai ao redor noso: a leituga e os tomates, os pementos e os espárragos os chícharos, mazás, pexegos e ameixas, porcos e coellos, años e peixes, e sobre todo as uvas pisadas que acompañan ao romeiro á hora de comer, tamén son natureza, morta si, pero natureza, e ben rica.

 

Temos que recoñecer que aquí fomos e somos felices e que nos identificamos como galegos e ribadenses neste cumio, gozando dun ambiente festeiro san e respectuoso no que, fronte ao que ocorre en moitos outros lugares, están proscritos o sufrimento de animais ou a súa crueldade inútil e onde só a exercemos sobre nos mesmos cando excedemos na inxesta.

 

Aqueles primeiros anos, finais dos cincuenta, principios dos sesenta, aparecen agora para moitas persoas dun modo fragmentario e tinguidos do branco e negro fotográfico que conservamos nas nosas casas. Nesas fotos podemos contemplar as persoas ausentes pero que seguen formando parte das nosas vidas e recoñecémonos nós mesmos cativos e asombrados fronte ao fotógrafo, e despois novos e arrogantes, cheos de ilusión, risoños, enfrontando o tempo vindeiro sen aparente medo. 

 

Santa Cruz foi coñecer a actividade nerviosa o día anterior. Ese sábado, no que agora estamos, sentíase no ambiente e especialmente na casa coma unha anticipación de festa, de felicidade inminente, máis perceptible polo inusual frenesí doméstico ben unido a olores e sons característicos. Esta actividade nerviosa trasladábase tamén aos pícaros que rebuliamos por todos os sitios facendo máis fatigoso o labor das persoas maiores ata que unha voz familiar pronunciaba as palabras axeitadas adquiridas nunha longa tradición pedagóxica de anos: “como sigades dando a vara, ides cobrar”, máxico conxuro que sabía poñernos no noso sitio e que tanto contribuíu a modelar harmoniosamente o noso carácter. 

 

Era costume que ese día, pola tarde, subisen a Santa Cruz algunhas persoas colocar as marcas ou as cordas que delimitaban o espacio que ían ocupar ao día seguinte os romeiros; estes lugares se respectaban, nun pacto tácito, en anos posteriores, e así eran moitos os que sabían onde podían atopar a cada grupo familiar de ano en ano. As familias con pícaros e xente maior, na parte máis chá; as bandas de rapaces buscaban as zonas máis afastadas.

 

Como nos dous primeiros anos unha choiva inoportuna afeara a festa, nunca tanto se miraba ao ceo como a véspera da Xira; un desexaba ser mariñeiro avezado ou sabio augur tentando adiviñar que tempo ía facer ao día seguinte, e convertiámonos en vixilantes de ventos e escrutadores de nubes. Mesmo eramos moitos os que nos erguiamos pola noite mirar o ceo ou escoitabamos silenciosos desde a cama, temendo oír ese ruído tan característico dos entón escasos autos deslizándose por riba dunha rúa mollada. 

 

O día seguinte, o domingo, a Xira era os estoupidos dos foguetes, o son das gaitas, bombo e tamboril, o mergullarse nun balbordo de festa e música polas rúas de Ribadeo: Os Garceiras, Brisas do Landro, Brisas do Masma, Amigos da Gaita.... E no monte, tras unha subida, a maioría das veces a pé, alasando, cargados de cestas e vendo pasar con envexa os inesgotables seiscentos cargados de xentes, miramos con ollos atónitos aquel ambiente de festa, escoitamos o son da música rexional, xogamos na explanada detrás da capela dando pinchacarneiros, ulimos o arrecendo das abelás acabadas de tostar, e soubemos da marabilla da pel parda das empanadas, do brillo amarelo das tortillas, gozamos dos embutidos, dos inevitables filetes empanados e saboreamos con verdadeira deleitación as tortas e os roscóns; bebemos as gasosas de Modesto Rañón ou de La Ribanova; tamén probamos o refresco Juki, as Mirindas e Citrania, La bebida de España, que levaba como anagrama un escudo da Península Ibérica, de cor verde cando era refresco de limón e vermella, cando de laranxa, e nos sesenta, Canada Dry, co seu nome evocador dun idioma aínda exótico, bebida precursora das actuais augas tónicas.

 

Foi para nós a Xira unha festa inaugural, tivo algo de rito iniciático. Pasada a nenez, esta romaría marcaba o paso a unha precoz madurez cando abandonabamos o niño familiar na comida, para subirmos co grupo de amigos. Aproveitábase esta prematura liberdade para deixar atrás as bebidas carbónicas para neno e probar os sabores excelsos do “licopodio bélico”, nome que lle daba ao viño o coñecido bailador de Cocos, Antonio Fernández Reinante, O Serranillo, e descubrimos o valor comunicativo desta bebida e á súa calor fixemos xuramentos de fraternidade e amizade eterna, tamén seguramente cometemos máis dunha insensatez.

 

Nos postos de bebidas alí erguidos sorprendeunos o fulgor dourado e amargo da cervexa e na parte máis mesta do monte coñecemos abraiados o espertar das primeiras emocións sentimentais compartidas, soubemos dos primeiros bicos furtivos... Anos houbo en que a xente nova ía durmir a Santa Cruz a noite do sábado ao domingo, espertando a envexa dos que xa non o eramos.

 

É indubidable que moitos destes costumes e sensacións seguen a manterse hoxe en día: os bailes e a música polas rúas, as demostracións de danzas rexionais no Cantón dos Moreno, mañá con A Subela, Brisas do Landro, La Amistad, Brisas da Croa e Amigos da Gaita, asistimos ao mesmo balbordo nas casas. Nótanse tamén algúns trocos, novas especies de árbores foron plantadas no monte; desapareceu a explanada tal como entón estaba; os fotógrafos profesionais portadores de cámaras analóxicas foron substituídos por unha profusión de  afeccionados que levan cámaras dixitais coas que rexistran cada xesto e aceno dos asistentes; agora son máis os vehículos que chegan ao monte, e os rapaces, en grupos numerosos, ataviados ás veces con disfraces e transportando carrozas, vestindo camisetas datadas e decoradas con motivos de actualidade, demoran a subida e prodigan a súa andaina pola vila enchendo bares e rúas con cantos, risas e música. En ocasións acceden ao Monte de Santa Cruz a media tarde para ficar alí ata a noite ben pecha. Pero non é certo que calquera tempo pasado fora mellor, simplemente nós eramos distintos, máis novos, a vida viviámola con máis intensidade e as perspectivas eran maiores, o mesmo que para eles agora.

 

Alédanos comprobar que non só Amigos da Gaita senón moitas persoas manteñen viva esta romaría e que os nosos fillos e fillas e os seus amigos, os rapaces, continúan esta festa e é agradable descubrir nas súas miradas e nos seus xestos as mesmas ansias, un semellante vigor e igual forza que nós tivemos. Son esperanza de futuro para o seu porvir.

 

Cando de aquí a quince ou vinte anos algunha moza ou mozo actual estea presentando este pregón da Xira, lembrará cunha pinga de melancolía estes anos en que cos amigos percorría as rúas ribadenses e seguramente comentará a nova dirección e os novos usos que nese momento acaba de tomar a festa e de seguro que sentirá morriña da forma en que a celebraba neste 2011.

 

Este Beatus ille, canto a vida tranquila no campo, esta intimamente ligado ao tema literario latino Locus amoenus, lugar ameno e deleitoso, no que se presenta a idealización dun lugar paradisíaco, onde o home entra en harmonía con cada un dos elementos da natureza. Terceira locución latina á que acudimos para sinalar que de todoisto hai en Santa Cruz. Así o recoñecían os propios xornalistas nas súas breves recensións da festa: “pintoresco monte”, “pintoresco lugar”, “panorámica paisaxe”, “paraxe tan delicioso”, “espacio, frondosidade e céspede limpo”, “poético y paradisíaco bosque", "frondoso arboredo”, "o más encantador panorama”, “encantador e poético bosque”, “ameno lugar”... Un ameno lugar no que de seguro se crearon parellas para toda a vida e xurdiron amizades que aínda perduran.

 

Neste verde almacén de historias compartidas de todo tipo que é Santa Cruz queremos crer que aínda subsisten árbores e camiños que un día xa distante acompañaron as nosas aventuras, que fican ecos de festas pasadas de cando deitados na herba miramos un ceo azul máis aló das copas e soñamos cun porvir feliz.

 

E imos xa finalizando coa derradeira e máis coñecida locución latina: Carpe diem, aproveita o momento. Tema da literatura universal que se entende como unha invitación a gozar dos praceres da vida e como unha exhortación a non deixar pasar o tempo que se nos brinda, malgastándoo. Deberamos, xa que logo, dicir carpe dies, aproveita as ocasións, en plural, porque non chega unha soa Xira. O mesmo que non se pode ler unha soa vez un poema, porque sempre di mais do que parece nunha primeira lectura, tamén hai que subir á Xira de Santa Cruz máis dunha vez, porque o seu goce vai crecendo a medida que se van repetindo as presencias alí. Proba evidente é que moitos dos que acoden habitualmente queren deixar para o futuro memoria delas e marcan ritualmente a subida de diferente forma, algúns co ano escrito na pucha que levaban á festa, e na actualidade impreso nas camisetas que visten os membros dos grupos de rapaces e rapazas.

 

Vaian pois os meus desexos: afortunados romeiros, subide a Santa Cruz cos cinco sentidos abertos, e unha vez pasadas as degustacións gastronómicas buscade na tarde de festa un momento de tranquilidade e coa música de  gaita de fondo, aproximádevos, ávidos de paisaxe, ao miradoiro de Santa Cruz, panóptico privilexiado, atalaia natural desde onde se poden contemplar perspectivas case ilimitadas dunha paisaxe viva e cambiante que un crecemento urbano en ocasións non demasiado harmónico non consegue afear completamente.

 

Desde esta festa encumiada, protexidos polas árbores que bordean este singular lugar contemplade a Torre dos Moreno bicada por un sol agonizante remiso a morrer, ou a súa luz demorándose paseniño sobre a torre de Castropol ou, iluminada na distancia, a vila de Tapia. Descubride unha nova Ría de Ribadeo, sempre distinta, coas súas obstinadas mareas de augas mestizas, desde A Veiga ata o Faro da Illa Pancha. Vertede sobre ese panorama de beleza excesiva unha ollada virxinal; facede un esforzo imaxinativo para mirar esa paisaxe como se esa fora a primeira vez que a vedes, coma se fose un museo en que todos os días colocasen novas obras.

 

 

Sentide na pel aberta o vento agresivo do nordés, vívido e purificador ou, se corresponde nese día, o ar cálido de vendaval, preñado de auga. Se podedes, ide acumulando no voso disco duro –por introducir algún termo actual- todas estas vivencias coas que os poderedes defender cando ataque unha melancolía insomne. E cando vaiades arribando a esa patria ineludible e inexorable da vida que é a nostalxia, volverán con forza estas imaxes, as lembranzas máis pracenteiras, magnificadas polo paso do tempo.

 

A Xira, coma un bo viño, temos que gozala de vagar e é aquí algunhas das súas notas características perceptibles para un bo catador:

Boca e tacto: entrada suave con delicadas notas de pregón e música de gaita, posgusto largo e carnoso, dura toda vida, e retronasal lembrando comidas e sabores de hai tempo, con perfecta e alta estructura de alcohol e azucre. Festa robusta e redonda.

Nariz: elevada intensidade aromática. Froita madura de abelás perfectamente integrada nas madeiras de piñeiro e acacias, fragrante de herba fresca.

Cor: tonalidades atraentes, vermello e negros de traxe rexional con reflexos saturados nos aderezos, verde de campo, azul mariño, grises e brancos ben ensamblados de nubes de verán, alaranxada de sol ao solpor.

 

E cando vos sintades bruscamente acometidos por un exceso de realidade –dicía o poeta Eliot que a especie humana non pode soportar demasiada realidade- lembrade que o son agarimoso dunhas gaitas, uns vasos de viño, unha sinxela comida e unha boa conversa na Xira de Santa Cruz en Ribadeo en compañía dos amigos e das persoas queridas, clausura calquera infortunio.

 

Así que murmuremos unha vez máis carpe diem, aproveitade o momento, gozade a ocasión, vivide a Xira, que sexades felices hoxe, mañá e sempre.

 

Moitas grazas a todos.

 

{youtube}fppX1oRhpkg{/youtube}

{youtube}CwMqxRvM_No{/youtube}

 

{gallery}p2011{/gallery}