Pregón do 2013 - Meniñas de Saudade
(SANTIAGUIÑO: peza interpretada por un pequeno grupo de familiares e amigos/as de Saudade formado para a ocasión)
Boa tarde a todas e a todos:
Cando a unhas as convidan a pregoar unha festa dos teus e ante os teus, e non unha festa calquera, senón A XIRA DE SANTA CRUZ, atopámonos cun bulir de sentimentos. Por unha banda, ledicia, felicidade, dita, satisfacción, son palabras que facilmente describen como nos sentimos cando a Asociación Amigos da Gaita Galega pensa en SAUDADE como pregoeiras; pero sen dúbida responsabilidade é a palabra que enche o noso fol nun día como este, porque crédenos, non é tarefa doada.
Se a todo este sentimento sumámoslle a complexidade que implica acadar un verdadeiro unísono, de soar todas a unha, e de afinar un si, e se nos permitides un si bemol, o sentir non é outro que para SAUDADE é unha gran honra poder dedicar hoxe unhas palabras á nosa vila.
Esta celebración do DÍA DA GAITA sen dúbida significa moito para todas nós, e non queremos continuar sen pedirvos, ribadenses, un forte aplauso para todas e todos os gaiteiros e gateiras que hoxe nos acompañades aquí, porque grazas vós neste día homenaxeamos ao noso son, o SON DA GAITA GALEGA.
(MANOLIÑO: peza interpretada por un pequeno grupo de familiares e amigos/as de Saudade formado para a ocasión)
Dixéronse os paxariños:
-"Vamos tocar un concerto
c´os nosos millores cantos
e os nosos sons gasalleiros?
-Vamos xa- se contestaron-
pra que os espallen os ventos!".
Comezóu a cotovia
c´os seus soaves arpexios;
entonou o reisiñor
os seis, aos rocos acentos;
larapetou a anduriña;
asubiaron os merlos;
axudaron c´os seus trios
os pardillos e xilgueros...
e en fin; cada un ensayou
os seus cantares mais belos,
froamdno unha sinfonia
d´os mais diviños gorxeos,
tan vibrante e sonorosa
qu´enchian o espazo inmenso...
Pro, de repente calaron;
fixose un fondo silenzo,
e escoitaron con arroubo
de donde viñan os ecos
d´un canto moito mais lindo
e moito mais feiticeiro
que aquel qu´eles entoaban
con tanto gozo e contento.
Enmudeceron de pasmo;
calaron c´os seus gorxeos
cando ouviron as gaiteiras
d´o grupo de Ribadeo
desfrecando brandas notas...
¡Ay! ¡Que afinación! ¡ Que dedos
sobr´o punteiro d´a gaita
marcando ternos arpeixos!
¡Que gracia de tamboril!
¡Que repicar de pandeiro!
¡Que galanas cos seus traxes!
¡Que camiñar con salero!
-¡Ouh -dixeron os paxaros-
c´o noso canto calemos,
que millor o fan co as gaitas
as nenas de Ribadeo,
e escoitemos, caladiños,
este subrime concerto,
que parez que o estan tocando
os anxeliños d´o ceo!
Este, Sinfonía de Fadas, é un poema de CARMIÑA PRIETO ROUCO que data do ano 1962 e, parece que foi onte, cando alá polos anos 60 en vésperas da Xira de Santa Cruz, tras dous duros anos de ensaio, e da man de Primitivo Díaz, Carlos, Amando e Amadora Suárez Couto, SAUDADE presentábase á vila de Ribadeo; e xa vedes... hoxe peinamos canas.
(RUMBA DE CARCACÍA: peza interpretada por un pequeno grupo de familiares e amigos/as de Saudade formado para a ocasión)
Estaremos todos de acordo en que a XIRA DE SANTA CRUZ e o seu MONUMENTO AO GAITEIRO vai máis alá do sentimento e acada un verdadeiro sentido para a nosa vila cando cada primeiro domingo de agosto mulleres, homes e nenos reunímonos no Monte de Santa Cruz; porque a Xira óese, vese, séntese, chéirase e pálpase.
Así, no día de mañá, subiremos á atalaia de Santa Cruz como noutros tempos, a pesares de que a diferenza de antano o camiño non o fagamos a pé, facendo protagonistas aos cestos de mimbre e manteis de cadros cargados de empanada, tortilla, chourizo, pan, e viño, que torna a súa forma en calimocho, e o augardente en cacharro, pero o que si nos acompañará onte, hoxe e mañá será o son da nosa festa .
QUE ASÍ SEXA!!!
Como ben di o refrán "é de ben nacido ser agradecido" polo que agora é o momento de dar as grazas á Asociación Amigos da Gaita Galega polo oportunidade que nos brindaron, á Asociación Atalaia polo seu traballo a prol da memoria de Ribadeo e do Grupo Saudade, e moi moi especialmente aos ribadenses polo cariño que sempre nos amosaron; e como non, ao Concello de Ribadeo.
Pero non queremos rematar estas palabras sen ter un agradecemento moi especial aos nosos compañeiros de pregón, os músicos, porque eles tamén son SAUDADE.
GRACIÑAS
(CHOUTANDO: peza destacada do Grupo Saudade interpretada por Amigos da Gaita)
Grupo SAUDADE {youtube}Itvcczs1X7Q{/youtube}